miércoles, 11 de abril de 2012

O CDL acollerá dous cursos organizados pola Cámara de Comercio en colaboración coa Concellería de Emprego

A Antena Cameral de Ponteareas, en colaboración coa concellería de Emprego do Concello de Ponteareas, realizará o vindeiro venres, 13 de abril, un curso de Manipulador de Alimentos.
A actividade, que terá unha duración de 3 horas e se levará a cabo no Centro de Desenvolvemento Local (CDL) de Ponteareas, permitirá que os participantes poidan acadar coñecementos precisos en sanidade e seguridade alimentaria, que lles permitan obter o carné de manipulador de alimentos, un documento case que imprescindible para para traballar en diversos sectores, incluído o da hostalaría.
Por outra banda, o día 14 de abril, comezará a desenvolverse tamén no CDL, un curso que baixo a denominación “Almorzos en inglés” permitirá que 12 persoas realicen prácticas de conversación en lingua inglesa. Este curso, desenvólvese ao abeiro do Programa Europeo Antenas Camerais: Servizos de Proximidade á Pequena e Mediana Empresa e está cofinanciado polo Fondo Social Europeo, Cámara de Comercio e Concello de Ponteareas.
A concelleira de Emprego, Marisol Valado, aseguraba que estes cursos “forman parte das actividades que desenvolve o CDL, en colaboración con outros organismos, de cara a ampliar o abano de accións formativas que ofrecer aos nosos veciños e veciñas”.

No hay comentarios: