O prazo de presentación de solicitudes para cursar o primeiro ou o
segundo curso dun programa de cualificación profesional inicial será o
abranguido desde o
día 3 de setembro ata as 13.00 horas do día 12 de setembro.
A documentación que debe presentar o alumnado na secretaría do centro
que ofreza o programa é a establecida no artigo 17 da Orde do 13 de
xullo de 2011 pola que se regulan os programas de cualificación
profesional inicial na Comunidade Autónoma de Galicia.
Con independencia do anterior e para os efectos de aplicación do
criterio de prioridade establecido no artigo 18.2.b) da citada Orde do
13 de xullo de 2011, o alumnado solicitante poderá presentar unha
certificación de escolarización do centro de procedencia no curso
académico anterior.
A matrícula no primeiro e segundo curso dun programa de cualificación
profesional inicial poderá formalizarse nalgún dos centros autorizados
na oferta de programas de cualificación profesional inicial na
Comunidade Autónoma de Galicia para o curso 2012/13.
Procedemento de admisión e matrícula
De acordo co establecido no artigo 15.4 do Decreto 30/2007, do 15 de
marzo, polo que se regula a admisión do alumnado en centros docentes
sostidos con fondos públicos que imparten as ensinanzas reguladas na Lei
orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, a incorporación a un
programa de cualificación profesional inicial do alumnado escolarizado
no curso anterior non requirirá un novo procedemento de admisión, agás
que coincida cun cambio de centro.
Para estes efectos, o alumnado dos centros asociados nas modalidades B
terá a mesma consideración que o alumnado do propio centro en que se
formalice a matrícula. Consonte o anterior, para a adxudicación de
prazas terá prioridade o alumnado matriculado no curso anterior no
centro e, se non existen prazas suficientes para atender todas as
solicitudes, o procedemento de adxudicación realizarase conforme o
establecido no artigo 18 da citada Orde do 13 de xullo de 2011.
O sorteo público para resolver a adxudicación de prazas, segundo se
determina no artigo 18.2.d) da citada Orde do 13 de xullo de 2011,
aterase ao disposto na Resolución do 1 de marzo de 2012, da Dirección
Xeral de Centros e Recursos Humanos, pola que se fai público o resultado
do sorteo a que se refire o artigo 34.3 da Orde do 17 de marzo de 2007.
Conforme o resultado do sorteo, será a letra «E» a letra de prioridade
que afecte o primeiro apelido e, de ser o caso, igualmente a letra «O» a
que afecte o segundo apelido, para os efectos de resolución do
desempate na orde de admisión do alumnado nos centros docentes sostidos
con fondos públicos no curso 2012/13.
As secretarías dos centros, ademais de recoller as solicitudes para a
admisión aos programas de cualificación profesional inicial, cargarán
os datos de inscrición para o primeiro curso na aplicación informática
Ciclosadmision, facilitada pola Dirección Xeral de Educación, Formación
Profesional e Innovación Educativa.
A formalización dos datos na aplicación informática realizarase desde o 5 de setembro ata as 14.00 horas do día 12 de setembro.
Os centros educativos farán pública a listaxe de alumnado admitido en cada un dos programas ofrecidos o día 14 de setembro.
O prazo de matriculación para o alumnado adxudicado no programa solicitado será do 14 ao 18 de setembro, ambos os dous incluídos.
Realización do módulo de FCT nas modalidades A e B
Con carácter xeral, o período de realización do módulo de FCT en
período ordinario será o mes de xuño, e poderá iniciarse no mes de maio,
tendo en conta que a sesión de
avaliación final do alumnado do primeiro curso de programas de cualificación profesional
inicial se realizará a partir do 21 de xuño, consonte o disposto no punto 3.1 do artigo 12 da
Orde do 13 de xuño de 2012 pola que se aproba o calendario escolar para o curso 2012/13
nos centros docentes sostidos con fondos públicos.
O alumnado non apto no módulo de formación en centros de traballo ou
que recuperase os módulos pendentes na avaliación final de módulos
deberá formalizar unha nova matrícula no curso académico seguinte para
cursar o módulo de formación en centros de
traballo en período extraordinario.
Con carácter xeral, o período de realización do módulo de FCT en
período extraordinario será o mes de setembro. Ao seu remate terá lugar a
sesión de avaliación final extraordinaria de módulos do primeiro curso.
Realización das sesións de avaliación na modalidade B
As sesións de avaliación na modalidade B realizaranse no centro en
que figure matriculado o alumnado do programa. Para tal fin, as
xefaturas de estudos dos centros implicados coordinarán as datas e os
horarios de avaliación.
Convenios específicos de colaboración na modalidade C mixta
Para a sinatura de convenios específicos de colaboración para a
realización dos módulos específicos profesionais na modalidade C mixta,
así como para a posible rescisión destes, aplicarase o establecido na
disposición cuarta da Orde do 28 de febreiro de 2007 pola que se regula o
módulo profesional de formación en centros de traballo da formación
profesional inicial, para o alumnado matriculado en centros educativos
da Comunidade Autónoma de Galicia.
Para o establecemento da duración dos convenios específicos de
colaboración a que se refire o punto anterior desta disposición terase
en conta que a sesión de avaliación final do alumnado do primeiro curso
de programas de cualificación profesional inicial se realizará a partir
do 21 de xuño, consonte o disposto no punto 3.1 do artigo 12 da Orde do
13 de xuño de 2012 pola que se aproba o calendario escolar para o curso
2012/13 nos centros docentes sostidos con fondos públicos.
Programación dos módulos específicos profesionais na modalidade C mixta.
Plan individualizado
A realización dos módulos específicos profesionais na modalidade C
mixta exixirá a elaboración, polo titor ou a titora do programa, dun
plan individualizado de formación, consistente nun conxunto de
actividades formativo-produtivas de referencia en relación cos
resultados de aprendizaxe recollidos no perfil do programa, que o
alumnado terá que realizar nos centros de traballo durante as horas e os
períodos establecidos para tal fin.
De xeito excepcional, cando se constate que nalgunhas zonas ou nalgúns sectores
o posto formativo ofrecido por un centro de traballo sexa
insuficiente para alcanzar todos os resultados de aprendizaxe necesarios
para a consecución da competencia profesional recollida no perfil do
programa, o titor ou a titora poderá seleccionar un segundo centro de
traballo que permita completar a formación requirida. Nese caso,
formalizarase un plan individualizado de formación específico para cada
empresa ou centro de traballo.O anterior será de aplicación en caso de
que o horario produtivo dunha empresa ou dun centro de traballo sexa
insuficiente para completar o número total de horas de formación
correspondentes aos módulos específicos profesionais. Seguimento dos
módulos específicos profesionais na modalidade C mixta O titor ou a
titora do centro educativo establecerá canles de comunicación coa persoa
designada para realizar as tarefas de titoría e seguimento do centro de
traballo que garantan o seguimento e a avaliación do alumnado do
programa. Establecerán un calendario de visitas aos centros de traballo
que incluirá, ademais das previas para a xestión, un mínimo dunha visita
mensual de seguimento para observar directamente as actividades que o
alumnado realice e rexistrar o seu propio seguimento, co fin de
verificar a consecución das competencias profesionais propias da
cualificación profesional.
Ademais das visitas aos centros de traballo, a hora de titoría
semanal no centro educativo aproveitarase para realizar actividades de
seguimento, asesoramento e apoio. Para a compensación dos gastos
derivados do seguimento dos módulos específicos profesionais na
modalidade C mixta observarase o disposto nos puntos 3, 4, 5 e 6 da
disposición sétima da Orde do 28 de febreiro de 2007 pola que se regula o
módulo profesional de formación en centros de traballo da formación
profesional inicial, para o alumnado matriculado en centros educativos
da Comunidade Autónoma de Galicia.
O profesorado encargado do seguimento dos módulos específicos
profesionais na modalidade C mixta terá dereito a unha redución de ata
tres períodos lectivos, consonte se establece para a titoría de ciclos
formativos no artigo 84 da Orde do 1 de agosto de 1997
pola que se ditan instrucións para o desenvolvemento do Decreto 324/1996, polo que se
aproba o regulamento orgánico dos institutos de educación secundaria e se establece a
súa organización e o seu funcionamento.
Terceira avaliación parcial e avaliación final de módulos na modalidade C mixta
Na terceira avaliación parcial rexistrarase para todo o alumnado un «accede» no
módulo de formación en centros de traballo con independencia da cualificación do resto de
módulos do curso.
Entre a terceira avaliación parcial e a avaliación final de módulos
do primeiro curso deixarase un período non superior a un mes que se
destinará ás actividades a que se fai referencia no artigo 30.5 da
citada Orde do 13 de xullo de 2011 no centro educativo e á formación dos
módulos profesionais na empresa, mantendo o horario previsto no curso.
Na avaliación final de módulos do primeiro curso só se poderá pór «apto» no módulo
de formación en centros de traballo ao alumnado que teña superados os restantes módulos
do primeiro curso.
Renuncia ao módulo de formación en centros de traballo nos programas de cualificación profesional inicial.
Logo de iniciado o módulo de formación en centros de traballo, poderase renunciar a
el sempre que se dea algunha das circunstancias recollidas no artigo 22.1 da Orde do 13
de xullo de 2011 pola que se regulan os programas de cualificación
profesional inicial naComunidade Autónoma de Galicia. As solicitudes
deberán presentarse perante o director ou a directora do centro nun
prazo de, polo menos, dez días hábiles antes da avaliación final de
módulos correspondente.
O alumnado procedente de renuncia nas modalidades A e B poderá
realizar, por unha soa vez, o módulo de FCT en período extraordinario no
mes de setembro, e non se terán en conta as xornadas realizadas antes
de solicitar a renuncia.
Rescisión de convenios
O centro procederá á baixa de oficio do alumnado excluído dun
convenio para a realización dos módulos específicos profesionais na
modalidade C mixta, ou do módulo de FCT no resto das modalidades, nos
casos recollidos no punto 3 da disposición cuarta da citada Orde do 28
de febreiro de 2007.
Non procederá a baixa de oficio con respecto ao alumnado incorporado
ao programa en idade de escolarización obrigatoria, que poderá ser
reincorporado ao nivel de educación secundaria obrigatoria de
procedencia, consonte o establecido nos artigos 23.6 e 24 da citada Orde
do 13 de xullo de 2011.
A Administración educativa garantirá un novo posto formativo nos casos en que as
causas de rescisión do convenio non sexan imputables ao alumnado.
Horario do profesorado de centros públicos previo á avaliación final
Mentres o alumnado do programa de cualificación profesional inicial estea a realizar o
módulo profesional de formación en centros de traballo, e logo de
realizada a terceira avaliación parcial de módulos do primeiro curso na
modalidade C mixta e no réxime integrado
para o período a que se refire o artigo 34.1 da citada Orde do 12 de
xullo de 2011, manterase o horario previsto no centro educativo para os
módulos, ata a sesión de avaliación
final de módulos correspondente, consonte o establecido nos artigos 30.5, 34.4 e 36.5 da
citada Orde do 13 de xullo de 2011. Durante este período, o
profesorado con atribución docente no programa de cualificación
profesional inicial realizará, entre outras, algunha das seguintes
actividades:
a) Impartición e avaliación de actividades de recuperación ao alumnado que teña pendente de superar algún módulo.
b) Realización de actividades de preparación para as probas de acceso
a ciclos de grao medio e/ou de iniciación aos módulos do segundo curso
do programa e/ou de reforzo dos módulos profesionais, de ser o caso.
c) Apoio e reforzo naqueles módulos con alumnado repetidor,
pertencentes ás ensinanzas de formación profesional inicial da mesma
familia profesional, para os que se teña atribución docente segundo
figura nos correspondentes currículos.
d) Apoio á titoría do programa, e á coordinación e seguimento da FCT.
e) Realización voluntaria de operacións programadas polo departamento
para a mellora das instalacións onde se imparta o programa de
cualificación profesional inicial.
f) Impartición de actividades formativas e accións que se desenvolvan nos centros inte- grados de formación profesional.
g) Outras que a dirección do centro lle encomende, dentro do seu ámbito de competencias.
Módulos profesionais de oferta de centro no réxime integrado
Os centros autorizados para ofrecer o primeiro curso dun programa de
cualificación profesional inicial polo réxime integrado seleccionarán,
doutro perfil profesional, un módulo profesional de oferta de centro dos
que se recollen no anexo da presente resolución, de
acordo co establecido no artigo 12.2.b) da Orde do 13 de xullo de
2011 pola que se regulan os programas de cualificación profesional
inicial na Comunidade Autónoma de Galicia.
Matrícula no segundo curso por promoción na avaliación final extraordinaria
O alumnado que tras a avaliación final extraordinaria do presente
curso teña superados todos os módulos de primeiro poderá formalizar a
matrícula no segundo curso, que quedará condicionada á existencia de
prazas vacantes, nalgún dos centros autorizados na oferta de segundo
curso de programas de cualificación profesional inicial na Comunidade
Autónoma de Galicia para o curso 2012/13.
Avaliación dos módulos voluntarios do programa
Consonte o establecido no artigo 19.4 da citada Orde do 13 de xullo
de 2011, o alumnado do segundo curso dos programas de cualificación
profesional inicial poderá ser avaliado dos módulos voluntarios nas
mesmas condicións que as establecidas na normativa vixente da educación
secundaria para persoas adultas para os ámbitos do módulo catro.
Máis información: DOG 10 agosto 2012