|
|
|
Lugo, 19 de setembro de 2012.
Dentro da campaña “PONTE NO MEDIO. MÓVETE POLO TERRITORIO”, cuxo
lanzamento tivo lugar o 16 de abril do pasado ano en Santiago de
Compostela, ADEGA convoca unha nova edición dos concursos de
fotografías e de relatos co gallo de que a sociedade retrate o estado
actual do territorio galego a través da imaxe e da palabra. Ademais
lanza unha primeira edición dun concurso de curtametraxes. Até o 1 de novembro haberá prazo para presentar obras
aos concursos de fotografía, relato e curtametraxes polo Territorio,
patrocinados pola Área de Cultura e Deporte da Deputación de Lugo.
Estes
concursos pretenden facer participativa á cidadanía galega na
reivindicación dunha ordenación territorial sustentábel na que se freen
as ansias especulativas dos poderes privados sobre o territorio en
conivencia coa administración pública, e na que se propoñan alternativas
máis coherentes coa defensa ambiental, coa cohesión social e coa posta
en valor do noso patrimonio cultural.
As
fotografías deberan ter como obxecto mostrar os efectos de actividades
humanas que supoñen unha agresión ao noso país xa sexa contra o
patrimonio, a cultura, a paisaxe ou a identidade territorial. Tamén se
poden enviar fotografías que amosen exemplos de posta en valor do
territorio. Cada participante poderá presentar como máximo un total de 4
fotografías cos seus datos persoais e a localización xeográfica das
imaxes, que poderán ser enviadas á organización ecoloxista a través do
e-mail:
culturaeterritorio@adega.info
Establécense
dúas categorías de participación: a xuvenil, ata os 16 anos, e a de
adultos/as, para maiores de 16 anos. O prazo para presentar as
fotografías remata o día 1 de Novembro do 2012.
Os
relatos curtos poderán ser historias fantásticas, feitos reais ou
experiencias propias sempre e cando o eixe do relato xire arredor das
visións que a poboación galega ten sobre o lugar no que vive; como é,
como foi, como quixeramos que fose, a importancia da súa conservación,
as agresións sufridas polo mesmo, etc. Cada participante poderá
presentar un máximo de 2 relatos inéditos en lingua galega, que terá que
enviar por correo postal ao enderezo de ADEGA Lugo: Avenida Fontiñas,
180 Entrechán, 27002 Lugo.
Para
esta convocatoria tamén se establecen as categorías xuvenil e a
adulto/a e o prazo límite de presentación das obras remata o día 1 de Novembro de 2012.
I Concurso de curtametraxes “E TÍ QUÉ É O QUE VES?”
As
curtametraxes de ficción, documentais ou animación deberán dar mostra
de exemplos de posta en valor da nosa cultura e territorio e/ou
denunciar aquelas actuacións que agreden os mesmos. Cada participante
poderá presentar un máximo de 4 creacións audiovisuais, que terá que
enviar, en formato DVD, por correo postal ao enderezo de ADEGA Lugo.
Establécese unha única categoría para este concurso e o prazo límite de presentación dos traballos remata o día 1 de Novembro de 2012.
|
No hay comentarios:
Publicar un comentario