martes, 19 de marzo de 2013

Benestar organiza oito obradoiros de comunicación para mozos e mozas de toda Galicia no marco do programa Emprende

Os obradoiros, que son gratuítos, teñen como destinatarios a mozos e mozas de entre 18 e 35 anos
A súa finalidade é aprender a comunicar para emprender un proxecto ou para facilitar atopar o traballo ao que se aspira
Celebraranse ata o 5 de abril nos Espazos Xoves de Tui, Lalín, Vilagarcía e Ourense, no Centro Coordinador de Información Xuvenil de Santiago e na Residencia Florentino López Cuevillas de Ourense
Doutra banda, o Albergue Xuvenil da Gandarío (A Coruña) acollerá unhas xornadas formativas os días 25, 26 e 27 de marzo dentro da actividade Xuventude Emprende
A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, dependente da Consellería de Traballo e Benestar, organizará oito obradoiros de comunicación, co fin de facilitar a aprendizaxe e o manexo da comunicación nun entorno onde a información é continua e circula constantemente.
Os obradoiros, que son gratuítos, teñen como destinatarios a mozos e mozas de entre 18 e 35 anos e celebraranse desde este fin de semana e ata o 5 de abril nos Espazos Xoves de Tui, Lalín, Vilagarcía e Ourense, no Centro Coordinador de Información Xuvenil de Santiago e na Residencia Florentino López Cuevillas de Ourense. Para formalizar a inscrición deberase cubrir o formulario na web http://xuventude.xunta.es
Dita iniciativa enmárcase no proxecto Emprende, financiado polo programa de cooperación transfronteiriza Galicia – Norte de Portugal (POCTEP), que ten como obxectivo principal fomentar a creación de empresas, de emprego e autoemprego para a mocidade, promovendo actividades que convertan o espazo de cooperación transfronteirizo nun marco atractivo para novas actividades económicas e empresariais.
A súa finalidade é aprender a comunicar para emprender un proxecto ou para facilitar atopar o traballo ao que se aspira. A través da capacidade de comunicación búscase fomentar o emprendemento dos mozos e mozas, fortalecendo a capacidade de convición para atopar a cooperación e complicidade, para desenvolver as fortalezas, as capacidades e as actitudes que permitan aos participantes afianzar as súas ilusións presentes e desenvolver as súas ideas para o futuro que desexan.
Haberá dous modelos de obradoiro de catro horas de duración cada un. No primeiro, titulado ‘Comunicación e relacións humanas emprendedoras’, abordarase a capacidade de comunicación nun entorno onde as relacións se establecen por confianza. Traballarase a psicoloxía e socioloxía da linguaxe tanto verbal e non verbal e a comunicación para ser mais eficaces e o reforzo de actitudes para ser mais influentes.
O segundo dos obradoiros será o de ‘Comunicación para falar en público’, que ten por finalidade saber defenderse con fortaleza e seguridade en calquera situación onde se teña que falar en público.
Doutra banda, o Albergue Xuvenil da Gandarío (A Coruña) tamén acollerá unhas xornadas formativas os días 25, 26 e 27 de marzo dirixidas a estudantes de bacharelato ou ciclos formativos de grao medio.
Esta actividade chamada Xuventude Emprende inclúe o aloxamento, durante os tres días. Os participantes desenvolverán competencias emprendedoras como o traballo en equipo, a iniciativa empresarial, a comunicación interpersoal e a xestión da diversidade, entre outras. Tamén haberá espazo para as actividades lúdicas e de tempo libre.

No hay comentarios: