jueves, 21 de junio de 2012

Xuventude organiza a terceira edición de Emprega Talento en Vigo no que poderán participar ata 140 mozos e mozas

O prazo de inscrición para participar na iniciativa, que terá lugar o próximo 26 de xuño, rematará un día antes
O proxecto ten como obxectivo principal fomentar a creación de empresas e o autoemprego promovendo actividades que convertan o espazo de cooperación transfronteirizo nunha zona atractiva para novas actividades económicas
A actividade contará coa realización dun obradoiro de busca activa de emprego e un workshop de habilidades sobre o directivo do futuro.
Vigo acollerá o próximo martes a terceira edición de Emprega Talento, unha iniciativa que organiza a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, en colaboración coa Asociación para o Progreso da Dirección (APD) e que se financia a través do programa de cooperación transfronteirizo Galicia-Norte de Portugal (POCTEP). Trátase dun espazo de encontro, coñecemento, información e de formación en habilidades co obxectivo de fomentar a creación de empresas e o autoemprego.
O prazo para inscribirse na actividade xa está aberto e rematará o luns 25. Os interesados poden anotarse na páxina web www.xuventude.net. As prazas que se ofertan- un total de 140- cubriranse por rigorosa orde de inscrición ata completalas.
Emprega Talento é un espazo aberto cara a empregabilidade dos mozos e mozas, así como para a creación de oportunidades mediante o intercambio e posta en común de ideas. Por iso, nesta actividade póñense en contacto á xente nova coa realidade empresarial actual. En definitiva, o que se pretende é ofrecer aos mozos e mozas unha alternativa para poder acadar novas oportunidades laborais, promover a participación, o intercambio de ideas e a colaboración entre a mocidade e os directivos.
A xornada, inspirada no formato Afterwork, desenvolverase pola tarde e xirará ao redor de tres bloques: ‘Emprender e liderar cos valores do deporte’; ‘Os xoves ante a empresa e o traballo’ e unha mesa de experiencias prácticas sobre o talento que buscan as empresas.
Durante toda a actividade, os participantes tomarán parte en relatorios sobre liderado, talento, valores e traballo en equipo, ao tempo que poderán ser parte activa en coloquios con deportistas, nunha mesa redonda con directivos de recursos humanos de distintas empresas, así como ser locutor nunha conversa estratéxica con directivos de diferentes firmas galegas.
Para finalizar, o programa desenvolverase no Espazo Ágora, un punto de encontro que permite as relacións e o intercambio de ideas a través de actividades paralelas e onde terán lugar un obradoiro de busca activa de emprego e un workshop de habilidades para o directivo do futuro.
Entre os poñentes que tomarán parte de Emprega Talento destacan importantes profesionais do eido do deporte e de empresas galegas.

No hay comentarios: