martes, 12 de junio de 2012

Aberto o prazo para participar no concurso internacional de arte dixital que convoca Imaxina Atlántica

POSTER
O programa de cooperación interrexional do arco atlántico Imaxina Atlántica, do que é socio a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, convoca un concurso de arte dixital a nivel europeo, que está aberto a escolas, estudantes, artistas e novos profesionais.
As obras de arte dixital deberán estar enfocadas para a súa integración nun espazo urbano e poderán integrar son, imaxe, animación e novos medios.
Para participar, os artistas deberán constituír equipos de traballo transnacionais e polo menos un dos seus membros deberá residir nun dos territorios de Imagina Atlántica: Poitou-Charentes (Francia), Gales do Norte (Reino Unido), Rexión Norte (Portugal) e Galicia. Con esta medida preténdese favorecer a cooperación, o intercambio de experiencias e o traballo conxunto de estudantes a artistas procedentes de diferentes países da Unión Europea.
Os criterios de selección do concurso son a orixinalidade da obra, a contemporaneidade, a calidade técnica e de execución, a pertinencia do enfoque e a consecución da valorización do patrimonio no que sexan instaladas. Haberá entre seis e oito premios finais, dotados o primeiro con 3.500 euros, o segundo con 3.000, o terceiro con 2.500 e os seguintes con 2.000 euros.
Nun primeiro momento, as obras finalistas serán presentadas en Angulema (Francia) en decembro deste mesmo ano, durante a conferencia intermedia de Imaxina Atlántica. Xa en 2013, as obras percorrerán diferentes cidades das administracións provinciais e rexionais que participan neste proxecto.
Imaxina Atlántica é un programa que busca crear unha rede atlántica de profesionais das tecnoloxías da imaxe, para o que promove os intercambios profesionais, o achegamento do turismo ás novas tecnoloxías, a organización de seminarios ou a promoción dun Clúster a escala internacional. A aposta pola creatividade xuvenil como fórmula previa e método para chegar ao emprendemento é un dos obxectivos da Estratexia Xuventude 2013.
A data límite para a inscrición dos equipos participantes é o 3 de setembro, e as bases pódense consultar premendo aqui e  no apartado programas EU do portal xuventude.xunta.es

No hay comentarios: