No trascurso da protesta solicitouse no Rexistro da Xunta
unha entrevista co Presidente da Xunta Electoral para coñecer de
primeira mao o motivo da nosa exclusión
Nas portas da Xunta os candidatos e candidatas excluídos
amosaron a súa indignación con unha decisión que pon en cuestión todo o
proceso electoral
Compostela, 23 de maio de 2012.- O pasado dia
28 de febreiro, a Consellería do Medio Rural e do Mar, publicou a Orde
de 22 de febreiro de 2012 pola que se convocan eleccións e se ditan
normas para a renovación dos órganos de goberno de determinados
consellos reguladores do ámbito agroalimentario.
A Federación Rural Galega – FRUGA, Organización na que
se inscriben distintas asociacións profesionais do ámbito da actividade
agraria, gandeira e do monte, constituída para a defensa dos sectores
produtivos agrarios galegos, presentou as súas candidaturas, en prazo e
forma, nos consellos reguladores mais representativos do País, baixo a
formula de asociacións profesionais e nalgúns casos reforzada esta coa
presentación de avais.
O dia 15 de maio tivo lugar a proclamación definitiva das
candidaturas por parte daXunta Electoral. Sorprendentemente comprobamos
que a Xunta Electoral decide impedir que as candidaturas de FRUGA,
presentadas perante os consellos reguladores de “Ternera Gallega”,
“Pataca de Galicia” e “Agricultura Ecolóxica de Galicia” participen nas
eleccións.
Sen comunicación oficial.
A día de hoxe ningunha das persoas que representan as nosas candidaturas
teñen recibido comunicación oficial por parte da Xunta Electoral a
respecto dos motivos que levaron a ese organismo a adoptar a decisión de
non proclamar as candidaturas presentadas polas nosas asociacións
profesionais.
Os motivos aducidos polo consello regulador de “Ternera Gallega” para
non proclamar a candidatura da Asociación de Gandeiros de Bovino “Roi Xordo” – FRUGA son alleos á interpretación da normativa electoral, mesmo fundamentados en motivos alleos aos á lexislación electoral xeral.
No que ten a ver coas dúas candidaturas presentadas ao CRAEGA, os
motivos para a non proclamación destas son simplemente formais e teñen
carácter subsanábel.
Mas o caso mais chamativo é o da candidatura que se presentou en “Pataca
de Galicia”, xa que inicialmente foi proclamada polo pleno do Consello
Regulador, en reunión de 02.05.2012 e ratificada en contra das
alegacións presentadas, contra a mesma, por parte do Sindicato Labrego
Galego – COAG, en reunión celebrada o 09.05.2012, dándose o paradoxo de
que agora é chumbada pola Xunta Electoral
Veto en toda regra para impedir a celebración de eleccións.
Impedir que as candidaturas de FRUGA concorran ás
eleccións, non podemos mais que consideralo un veto en toda regra. Deste
xeito prívaselles a mais de 7000 explotacións inscritas nos distintos
consellos reguladores, de dous dereitos fundamentais; por un lado o
dereito a participar no debate, de propostas e alternativas, que todo
proceso electoral debe implicar e por outro a exercer o lexítimo dereito
a emitir o seu voto.
E isto pode ser así, se o resto das candidaturas chegan a un acordo de
se repartir os postos, sen necesidade de se realizar as eleccións, sobre
todo nos consellos reguladores onde se vetaron as candidaturas de FRUGA, posibilidade que se recolle no artigo 8 da Orde que regula a convocatoria das eleccións.
Estos son os motivos que levan á FRUGA a solicitar unha
entrevista co Presidente da Xunta Electoral para a renovación dos
órganos dos consellos regualdores do ámbito agroalimentar , ao obxecto
de abordar as motivacións legais e oficiais que levaron a impedir a
participación das nosas candidaturas do proceso electoral, e ver como se
pode superar a situación xerada.
Fonte: http://www.fruga-galiza.org/2012/05/23/a-fruga-concentrase-diante-da-xunta-para-denunciar-o-veto-das-nosas-candidaturas-no-proceso-de-renovacion-dos-consellos-reguladores/
No hay comentarios:
Publicar un comentario