martes, 25 de junio de 2013

Un total de 192 galegos poderán participar este ano no programa de voluntariado ambiental da Xunta


As actividades celebraranse este ano nas comarcas de Santiago, Allariz-Maceda, Celanova, O Salnés, Verín e Terra de Lemos nos meses de xullo e agosto
Os voluntarios recibirán unha formación inicial e participarán en actuacións de vixilancia ambiental, de control de especies invasoras e labores de limpeza, entre outras
O prazo de inscrición xa está aberto e as solicitudes poden presentarse a través da web www.voluntariadogalego.org
Os participantes recibirán un certificado acreditativo da acción voluntaria que desenvolvan
A Xunta de Galicia convoca por quinto ano consecutivo o programa de voluntariado ambiental a través do que este ano se ofertan un total de 192 prazas para que os galegos e galegas interesadas en colaborar co coidado do medio ambiente poidan desenvolver diferentes actividades, como son vixilancia ambiental, control de especies invasoras que poden aumentar o risco de incendio ou labores de limpeza e rozadura de cortalumes.
O programa desenvolverase este ano nas comarcas de Santiago, Allariz-Maceda, Celanova, O Salnés, Verín e Terra de Lemos. O prazo de inscrición xa está aberto, así que os interesados xa poden presentar a súa solicitude a través da web www.voluntariadogalego.org.
Realizaranse 24 quendas de cinco días. As actividades están concibidas como se dun campo de traballo se tratara, no que en grupos de 8 persoas, xunto cun monitor, levará a cabo as diferentes actividades de sensibilización e información sobre a necesidade de coidado e preservación da masa forestal.
Os obxectivos desta iniciativa, que promoven conxuntamente a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado e a de Montes, é impulsar entre a cidadanía unha campaña de sensibilización e información no coidado do medio ambiente, colaborar na vixilancia dos montes galegos, reforzar a idea da necesidade de conservar os recursos forestais e fomentar unha actitude de prevención de riscos contra incendios.
Os participantes tamén poderán colaborar na restauración de áreas incendiadas, localizar vertedoiros incontrolados, axudar na limpeza e caracterización de tramos fluviais, facer unha campaña de sensibilización sobre a importancia da conservación da masa forestal ou realizar actividades culturais vinculadas cos montes. Os voluntarios, antes do inicio das actividades, recibirán formación e durante toda a quenda estarán acompañados por monitores especializados na materia. O programa inclúe para os participantes o aloxamento, a pensión completa e un seguro de accidentes e de responsabilidade civil. Poden participar as persoas maiores de idade e tamén mozos e mozas de 16 e 17 anos que conten con autorización.
Ao remate das actividades, os voluntarios obterán por parte da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado un certificado que acreditará a súa acción voluntaria e será inscrito como experiencia voluntaria no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia.

No hay comentarios: