sábado, 8 de junio de 2013

A Consellería de Cultura e Educación incrementa en 778 o número de prazas nos 910 ciclos de formación profesional que se ofertan para o vindeiro curso en centros públicos


A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de incrementar en 778 o número de prazas ofertadas en ciclos de Formación Profesional para o vindeiro curso 2013/2014 en centros públicos. Deste xeito, a cidadanía terá á súa disposición un total de 26.884 prazas, un 3% máis que no actual ano académico, nos 910 ciclos autorizados.
De acordo coas demandas das galegas e galegos, o departamento educativo da Xunta de Galicia pon o acento na ampliación da oferta a distancia, reafirmando así a posición de Galicia como unha das comunidades autónomas á cabeza nesta modalidade de FP. Así, á oferta actual nesta modalidade incorporaranse 6 novos ciclos formativos diferentes, de modo que haberá unha oferta de 38 ciclos formativos pertencentes a 15 familias profesionais diferentes, que se ofrecerán nun total de 22 centros educativos. De feito, 5 centros van ofrecer esta formación por primeira vez o vindeiro curso, en concreto, o CIFP 'Paseo das Pontes' (A Coruña), o CIFP 'As Mercedes' (Lugo), o CIFP 'A Carballeira-Marcos Valcárcel' (Ourense), o IES 'Luis Seoane' (Pontevedra), e o IES Audiovisual (Vigo).
Ademais, refórzase a rede de Centros Integrados de Formación Profesional Inicial con 15 novos ciclos; ao tempo que Galicia contará con 3 proxectos en marcha en FP dual.
Títulos novos
Para o curso 2013-2014 o número de ciclos autorizados en centros públicos é de 910 o que supón un incremento con respecto ao curso pasado dun 2,6 %, dos que 30 se ofertarán este ano como novos, algúns deles substituíndo aos equivalentes títulos da LOXSE.
Títulos de nova creación son o ciclo formativo de grao superior de Márketing e Publicidade, que se implantará no CIFP 'As Mercedes', así como o ciclo formativo de grao medio de nova creación de Vídeo-disc-jockey e Son, da familia profesional de Imaxe e Son, que se ofertará no IES Audiovisual de Vigo.
Do resto dos títulos novos –aínda que non de nova creación- destaca a implantación dun total de dez títulos de formación profesional LOE, a implantación dos primeiros ciclos formativos LOE da familia profesional de Comercio e Márketing, así como a de seis ciclos formativos da familia profesional marítimo-pesqueira, sector especialmente significativo para Galicia, que completan a oferta LOE desta familia profesional.
Ampliación da oferta a distancia e para adultos
Galicia é unha das comunidades autónomas con maior oferta de formación profesional na modalidade a distancia na actualidade. A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria volve a incrementar para o vindeiro curso 2013-2014 a oferta de formación profesional nesta modalidade para lograr o obxectivo de tentar achegar a formación profesional ao maior número de persoas independentemente da súa situación, de xeito que se permita a posibilidade de combinar o estudo e a formación coa actividade laboral, coas cargas familiares ou con outras actividades.
Con este novo incremento, en Galicia existirá unha oferta de formación profesional na modalidade a distancia no vindeiro curso dun total de 38 ciclos formativos pertencentes a 15 familias profesionais diferentes, que se ofrecerán nun total de 22 centros educativos. Así, á oferta actual nesta modalidade incorporaranse 6 novos ciclos formativos diferentes, de oferta única no seu centro en Galicia, en concreto o ciclo de grao superior de Transporte e Loxística, no CIFP 'As Mercedes' de Lugo; o ciclo de grao superior de Construcións Metálicas, no CIFP 'Someso' da Coruña; o ciclo de grao superior de Son para Audiovisuais e Espectáculos, no IES Audiovisual de Vigo; o ciclo de grao superior de Desenvolvemento de aplicacións web, no CIFP 'A Carballeira – Marcos Valcárcel' de Ourense; o ciclo de grao superior de Deseño e Amoblamento, no CIFP Politécnico de Santiago; e o ciclo de grao medio de Panadería, Repostaría e Confeitaría, no CIFP 'Paseo das Pontes' da Coruña.
No caso da modalidade presencial, no réxime de persoas adultas, o aumento que se produce é de 11 novos ciclos. Así, cómpre destacar a implantación no CIFP 'Coroso' (Ribeira), onde se ofertará o ciclo superior de Procesos e Calidade na industria alimentaria, coa finalidade de dar resposta ás necesidades de formación da industria conserveira tan importante nesta comarca. Ademais, o IES 'Fraga do Eume' completa a súa oferta neste réxime coa incorporación do ciclo medio de Servizos en restauración. Por outra banda, é salientable a nova oferta que se realiza nos dous novos centros integrados de Ourense e Lugo.
Reforzo da rede de CIFP
Nos 19 centros da rede de Centros Integrados de Formación Profesional de Galicia, ofértanse 15 ciclos novos o que supón un aumento dun 4,7 %. Os dous centros integrados que recentemente se incorporaron a esta rede, absorben a maior parte de este incremento.

Desta forma no CIFP 'As Mercedes' de Lugo incorpóranse os ciclos de grao superior Márketing e Publicidade, Desenvolvemento de proxectos de instalacións térmicas e de fluídos e de Transporte e Loxística, este último no réxime de persoas adultas.
No CIFP 'A Carballeira – Marcos Valcárcel' de Ourense implantaranse os ciclos de grao superior de Documentación sanitaria, Hixiene bucodental, Desenvolvemento de aplicacións web e Laboratorio de análise e de control de calidade e o ciclo de grao medio de Laboratorio. Estes dous últimos ciclos teñen unha especial importancia porque por primeira vez na provincia de Ourense se ofrecen ensinanzas da familia profesional de química.
FP dual
Cómpre destacar, así mesmo, que a esta oferta hai que engadir a que se realiza na modalidade de FP dual que xa ten aseguradas neste momento 45 prazas, 15 alumnos xa incorporados á empresa Coremain no ciclo superior de Sistemas de Telecomunicacións e Informáticos, 15 prazas que se ofertarán na empresa UNVI de Ourense no ciclo medio de Carrocería e outras 15 na empresa Repsol para o ciclo superior de Química industrial.

No hay comentarios: