viernes, 9 de marzo de 2012

A UE concedeu á Deputación de Pontevedra 65.000 euros para un proxecto de Emprendeturismo e Innovación sostible Crearase unha rede de intercambio de proxectos innovadores e un catálogo para captar financiamento



DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA
Gabinete de Comunicación

02 MARZO 2012
A Unión Europea concedeu á Deputación Provincial de Pontevedra 65.000 euros para o financiamento dun proxecto orientado a promover o autoemprego xuvenil e a impulsar iniciativas de desenvolvemento sostible. Así o anunciou esta mañá en rolda de prensa o vicepresidente da Deputación Provincial, José Manuel Figueroa Vila, quen subliñou que se trata dun proxecto moi “significativo” tendo en conta que se trata de contribuír á xeración de emprego nun momento de crise coma o actual.
Baixo o título de “Emprendedurismo e innovación sostible”, este programa pretende poñer en marcha unha rede de innovación entre mozos e mozas de 5 países (España, Italia, Bosnia, Letonia e Croacia) e á que se poderán ir sumando todos os que teñan ideas innovadoras relacionadas preferentemente con negocios sostibles.
A rede crearase á partir da celebración de 7 seminarios de catro días de duración cada un e no que participarán 560 mozos e mozas dos cinco países citados.
Nestes seminarios, os participantes –que serán seleccionados en base ás súas ideas innovadoras e o seu carácter emprendedor– non só obterán formación e información sobre como sacar adiante os seus proxectos senón que, sobre todo, terán ocasión de expoñer as súas ideas e obter socios que participen na mellora da mesma e na análise da súa viabilidade, así como no seu financiamento.
De feito, os proxectos innovadores pasarán a un catálogo (portfolio) de proxectos innovadores e sostibles que as entidades colaboradoras no proxecto se encargarán de difundir para captar financiamento, de forma que os emprendedores poidan convertelas en negocios.
No entanto, o obxectivo do proxecto é máis amplo, xa que pretende que este intercambio de ideas e a creación de autoemprego non pare no seminario, senón que se estenda de forma indefinida no tempo. Para iso, porase en marcha unha ferramenta web a modo de “mercado de ideas” onde os emprendedores poderán rexistrar os seus proxectos e sumalos ao catálogo para captar financiadores.
O obxectivo é que este portfolio de proxectos innovadores medre de forma permanente con novas achegas e se converta nunha plataforma de financiamento para os mozos e mozas emprendedores.

XUVENTUDE EN ACCIÓN
O proxecto, que conta cun orzamento total de 200.000 euros, será financiado nun 32% con fondos europeos do programa Xuventude en Acción, xa que o proxecto presentado pola Deputación Provincial cumpre cos obxectivos marcados por este programa para o período 2007-2013.
Entre estes obxectivos está o de desenvolver e apoiar a cooperación europea no ámbito da xuventude, facilitando o intercambio e a relación entre culturas en distintos ámbitos e promovendo a participación da xuventude na vida pública e o seu espírito de iniciativa, de empresa e de creatividade.

No hay comentarios: