miércoles, 20 de febrero de 2013

Medio Rural e Mar destina preto de 3 millóns de euros á implantación, mantemento e mellora de soutos de castiñeiros

Santiago, 20 de febreiro de 2013.- A Consellería do Medio Rural e do Mar destina preto de 3 millóns de euros á implantación, mantemento e mellora de soutos de castiñeiros nos orzamentos deste ano. Así o destacou hoxe no Centro de Investigación Forestal de Lourizán a titular deste departamento, Rosa Quintana, durante a clausura dos resultados do proxecto FEADER “Cambio da estrutura varietal dos soutos para revalorizar a produción da IXP Castaña de Galicia”.
Acompañada polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, e polo secretario xeral de Medio Rural e Montes, Tomás Fernández-Couto, a conselleira sinalou que un dos principais eixos do Plan de Valorización do Monte Galego que leva a cabo o seu departamento é aumentar o valor primario e engadido dos produtos forestais, destacando os soutos de castiñeiros. Así, recordou que Galicia conta cunha superficie forestal de dous millóns de hectáreas e que un dos seus aproveitamentos xira arredor do sector da castaña, producindo entre 15.000 e 25.000 toneladas deste produto e xerando preto de 30 millóns de euros anuais.
A titular de Medio Rural e Mar sinalou ademais que a Lei de Montes contempla medidas concretas para o favorecemento da implantación e posta en produción de terreos dedicados á produción de castaña en Galicia. De feito, destacou, instrumenta a posibilidade de que a administración forestal poida impulsar e crear outras mesas sectoriais -ademais da da madeira- para o fomento, a promoción e mellora dos produtos forestais, e nese sentido, a Consellería de Medio Rural e do Mar pretende crear a Mesa da Castaña, que será a segunda Mesa de produto forestal que se cree na nosa Comunidade. O obxectivo desta iniciativa é establecer un foro continuado de diálogo e traballo que aglutine aos principais axentes relacionados coa castaña en Galicia.
Rosa Quintana explicou que, sendo a nosa Comunidade unha potencia na elaboración e comercialización de castañas -producimos máis da metade da castaña de España-, este sector precisa especializarse e para iso ten que conseguir un produto homoxéneo, con características definidas e suficientes. Neste contexto enmárcase o proxecto que hoxe se presentou e que contou cun investimento de 107.600 euros, do cal o 25% foi financiado pola Consellería.
Estudo
O estudo prioriza as variedades de castaña que maior beneficio reportan aos axentes implicados (así como os seus polinizadores), xa que debido ás moitas variedades existentes nun mesmo souto -entre tres e cinco-, os lotes comerciais da castaña galega non son homoxéneos, pois varían moito no tocante a forma, calibre, pelado, dureza. Ademais de seleccionar as mellores variedades, o estudo recolle a adaptabilidade das mesmas en diferentes zonas da Indicación Xeográfica Protexida da Castaña de Galicia para comprobar se os diferentes factores -tales como as xeadas de primavera, as temperaturas ou a seca estival- poden ser limitantes á hora do seu cultivo.
O propio Centro de Investigación Forestal de Lourizán realizou a caracterización in situ de 70 variedades, das cales 8 delas foron escollidas pola súa calidade produtora e son: Amarelante, De Parede, Famosa, Garrida, Longal, Negral, Ventura, Xudía. Por outra banda, outras catro variedades -Negral, Picona, Serodia e Rapada- foron seleccionadas como boas polinizadoras. Ademais, coa finalidade de garantir a identidade varietal nas novas plantacións solicitouse a inclusión de 16 variedades no Rexistro de Variedades Comerciais do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente.

No hay comentarios: