viernes, 27 de julio de 2012

II Concurso fotográfico polo Territorio

DEGA(Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza), co patrocinio da Vicepresidencia 1ª da Deputación Provincial de Lugo, convoca este 2º concurso de fotografías polo territorio, dentro da programación da campaña que está a levar a cabo “CULTURA E TERRITORIO”.
As fotografías presentadas deberán estar tomadas nalgún punto da xeografía de Galiza.
O tema será: efectos de actividades humanas que supoñen unha agresión ao noso país xa sexa contra o patrimonio, a cultura, a paisaxe ou a identidade territorial ou exemplos de posta en valor do territorio.
Poderá participar no concurso calquera persoa, afeccionada á fotografía ou que desexe denunciar por medio fotográfico calquera afección negativa ao noso país ou evidenciar a posta en valor dun espazo degradado.
Establécense 2 categorías para o concurso:
Xuvenil; ate os 16 anos inclusive.
Adulto; a partir de 17 anos inclusive
Cada participante poderá presentar un máximo de catro fotografías, en branco e negro ou a cor. A presentación das fotografías será en soporte dixital enviadas coma arquivo anexo a un mail. Cada fotografía non poderá superar
os 4 megas de capacidade en formato JPG. Non se admitirán manipulacións das fotografías nin collage, pero si se poderán facer retoques de cor, saturación, contraste, niveis, procesos cruzados,... Aquelas fotografías nas que o xurado considere oportuno, pedirase a orixinal sen ningún tipo de retoque, para poder comparar coa que se enviou ao concurso e deducir a súa desclasificación ou aceptación.
No mail enviado coas fotografías nun arquivo de word anexo identificarase o seu autor con nome, apelidos, mail e teléfono de contacto, así como a data e lugar en que foi tomada, a parroquia máis próxima e o concello ao que corresponde, o título e o motivo da fotografía.
Cada fotografía que se presente terá que ir nun mail con todos os datos que se piden. Se alguén quere presentar máis dunha terá que enviar tantos mails como fotografías queira presentar.
De ser posible, sería interesante a identificación das coordenadas xeográficas U.T.M. (poden ser obtidas mediante consulta do “Sistema de Información Xeográfica de parcelas agrícolas” –SIXPAC-, accesible na páxina web da Xunta de Galiza: http://www.xunta.es/visor).
As fotografías remitiranse por correo electrónico ao seguinte enderezo: culturaeterritorio@adega.info
A organización confirmará aos participantes a chegada das mesmas mediante correo electrónico.
As fotografías poderanse presentar ata o día 1 de Outubro de 2012, inclusive.
1º Premio Categoría; Adulto: Diploma e vale de 200 euros canxeable por material fotográfico.
1º Premio Categoría; Xuvenil: Diploma e vale de 150 euros canxeable por material fotográfico.

No hay comentarios: