miércoles, 15 de febrero de 2012

Modificación da normativa de 4 denominacións de orixe e 2 indicacións xeográficas vitivinícolas

A Consellería do Medio Rural e do Mar modifica a normativa de catro denominacións de orixe e dúas indicacións xeográficas vitivinícolas para mellorar a súa comercialización

  • O DOG publica hoxe seis ordes polas que se modifican os regulamentos das denominacións de orixe Monterrei, Rías Baixas, Ribeira Sacra e Valdeorras e das indicacións xeográficas protexidas Betanzos e Barbanza e Iria
  • Trátanse de cambios puntuais realizados a petición dos sectores implicados
  • Na D.O. Rías Baixas a novidade principal é a inclusión da variedade “Castañal” entre as variedades autorizadas
  • Nas indicacións xeográficas protexidas Betanzos e Barbanza e Iria inclúense dúas novas variedades, o Branco lexítimo ou Raposo e o Agudelo
Santiago, 14/02/2012
 
A Consellería do Medio Rural e do Mar modifica a normativa de catro denominacións de orixe e de dúas indicacións xeográficas vitivinícolas. O Diario Oficial de Galicia publica hoxe seis ordes polas que se modifican os regulamentos das denominacións de orixe Monterrei, Rías Baixas, Ribeira Sacra e Valdeorras e das indicacións xeográficas protexidas Betanzos e Barbanza e Iria. Estes cambios son puntuais e realízanse a petición dos sectores implicados para unha mellor adaptación das características do produto ás esixencias actuais do mercado vitivinícola e dos consumidores.
A Consellería do Medio Rural e do Mar e os sectores implicados detectaron a necesidade destes cambios ao realizar unha revisión da normativa para tramitar o rexistro como denominacións de orixe e indicacións xeográficas europeas, polo que estes cambios xa foron incluídos no expediente elaborado recentemente para a inscrición destas denominacións de orixe e indicacións xeográficas a nivel europeo.
No caso da Denominación de Orixe Monterrei, faise unha modificación puntual en relación coas características analíticas dos viños sometidos a envellecemento en barrica. Na D.O. Rías Baixas a novidade principal é a inclusión da variedade Castañal entre as variedades autorizadas. Trátase dunha variedade autóctona tinta, pouco cultivada, pero que ten interese como variedade complementaria nos tintos desta denominación de orixe. En canto á D.O. Ribeira Sacra o cambio principal é a ampliación da zona de elaboración a determinadas parroquias limítrofes coas de produción e na D.O. Valdeorras modifícase o contido máximo en sulfuroso e o rendemento na extracción de mosto.
En canto ás indicacións xeográficas protexidas Betanzos e Barbanza e Iria, en ambas se inclúen dúas novas variedades, que son o Branco lexítimo ou Raposo e o Agudelo. As dúas son brancas e de cultivo tradicional na zona e non se incluíran na normativa reguladora destas indicacións xeográficas porque ata hai pouco non estaban recoñecidas como variedades comerciais. Foron recoñecidas a través dunha orde ministerial do 18 de marzo de 2011.

Enlace:
 http://www.xunta.es/diario-oficial-galicia/mostrarContenido.do?ruta=/srv/www/doga/Publicados/2012/20120214/Secciones1_gl.html&paginaCompleta=false&fecha=14/02/2012&compMenu=10102

No hay comentarios: